Camera dances

CAMERA DANCES.   FOTOGRAFÍA, DANZA E MOVEMENTO.

Despois duns anos fotografando danza, puiden constatar que, xeralmente esta funciona moi ben como motivo fotográfico. Elementos como a escenografía, o vestiario, os corpos e xestos dos bailaríns a miúdo converxen nun momento preciso, e unha cámara oportuna pode retelo e condensalo nunha magnífica instantánea. Pero non é menos certo que en moitas ocasións e en función dalgunhas variables, sentín que nas fotografías perdíanse cousas. A cámara apenas pode suxerir elementos como música, ritmo e movemento, tan presentes na arte da danza e que enche os nosos sentidos. É neste punto onde busco unha maior liberdade, para traballar na liña de inspirarse e recrear, e que a cámara execute a súa propia coreografía.
Camera dances é unha colección de imaxes seleccionadas dentro dun traballo de experimentación sobre o potencial estético e expresivo da danza. As imaxes buscan suxerir aspectos inherentes á coreografía, e non tan evidentes na fotografía máis estática e convencional, como ritmo, forza ou movemento. En cada disparo, a cámara acompaña á coreografía en forma de prolongación de tempos, desprazamentos, superposición de ángulos...etc. A cámara "baila".


 
Imaxe e Comunicación. FotoArte