Homenaxe á danza e á beleza en todas as súas interminables formas. O vídeo está inspirado nunha canción composta por Luís Eduardo Aute. Artista integral, foi un incansable perseguidor da beleza, cultivando distintas disciplinas como a música, a poesía, o cinema, a pintura ou a escultura. A Beleza, ademais de ser para moitos dos seus amigos e colegas a súa mellor canción, é unha pequena obra de arte que en verdade fai xustiza ao seu título, reivindicativa e apaixonada na súa letra, delicada no seu ritmo e melodía. As imaxes que a acompañan son fragmentos de Full House, unha obra realmente bela do coreógrafo Johan Inger, que tiven a honra e privilexio de presenciar na súa preparación e estrea. Para este videoclip utilicei fragmentos coreográficos captados durante un dos ensaios previos á estrea. En suma, non é máis que unha reinterpretación nun novo contexto sen máis intención que seguir perseguindo a beleza.